25 dic 2010

Alonso presiona aos seus traballadores na cea da empresa e fai campaña por Dieste, a súa marioneta

O Consello local do BNG de Boiro diante das declaracións efectuadas polo Sr. Alonso, presidente de Jealsa-Rianxeira, manifesta o seguinte:

1. O grupo de empresas da familia Alonso é unha peza clave para a economía e o emprego de Boiro e do noso país. Jealsa é a empresa máis importante da nosa vila -aínda que non a única- grazas á familia Alonso e a moreas de familias máis cuxos membros se esforzan cada día traballando nesa fábrica.
2. Jealsa funciona ben debido aos seus impulsores e debido tamén á forza de traballo de moitas mulleres e homes que madrugan cada día para traballar alí. Desde o Concello de Boiro sempre se apoiou e se apoiará a Jealsa-Rianxeira para que continúe coa súa actividade moitos anos, sempre, claro está, que CUMPRA COA LEGALIDADE, porque non se pode apoiar ao Sr. Alonso e ás súas empresas a calquera prezo.
3. Calquera persoa é moi libre de manifestar a súa opión sobre o goberno bipartito de Boiro, e iso é algo moi respectábel que, desde está o BNG, pódese facer libremente. Todo o mundo recorda o periodo no que o Sr. Alonso era alcalde en Boiro porque esa “suposta liberdade” non existía xa que até as paredes tiñan oídos. Parece que voltan os vellos tempos.
4. O Sr. Alonso, agora como antes, estase aproveitando da súa situación de superioridade como empresario para coaccionar aos seus traballadores a que escoiten o que el quere e a condicionalos para que tomen partido polo PP, e isto non o fai nun mitin senón no ámbito da súa empresa. A gravidade das palabras do señor Alonso non son polo que di senón por onde o di: é inevitábel que os traballadores sintan medo polo seu futuro se non fan o que se lles “aconsella”. El sábeo moi ben e aproveitase dun xeito obsceno da súa posición de superioridade.
5. É triste ver que unha persoa que foi alcalde non respecte os principios da DEMOCRACIA e ameace con abandonar Boiro se os resultados dunhas eleccións libres e democráticas non lle gustan. Esas palabras só se poden entender desde unha mente moi pechada e desde a súa propia ambición persoal.
6. Estamos vendo que é un perigo que unha soa persoa chegue a posuir o poder absoluto dunha vila: o poder político e o poder económico, tendo a capacidade de condicionar por completo a vida de tanta xente porque iso propiciaría unha autentica ditadura.
7. Dieste non é máis que a marioneta que Alonso ten para manexar Boiro ao seu antollo. Dieste é empregado de Alonso, a quen lle vai facer caso cando haxa un conflito con Jealsa aos traballadores ou ao seu xefe? Ao seu xefe ou á cidadanía de Boiro? Quen vai gobernar en Boiro realmente? Se o que vai gobernar é o Sr. Alonso que non nos mintan desde o PP e que o presenten ás próximas eleccións. Nós non lle temos medo ao debate político.
8. No BNG referendamos que a mellor opción de goberno en Boiro é Xosé Deira porque é a persoa que aglutina maiores consensos dentro da cidadanía ao tempo que representa á perfección o proxecto transformador do BNG. Deira non está supedidato a ningún interese económico nin persoal.

P.S. podes consultar as declaracións de Alonso en:   
http://www.lavozdegalicia.es/barbanza/2010/12/24/0003_8928353.htm

22 dic 2010

Xosé Deira continuará ao temón do BNG

O mandatario nacionalista repetirá como cabeza de cartel nas vindeiras eleccións municipais co obxectivo de revalidar o goberno en Boiro.

A asemblea do BNG de Boiro confía unha vez máis en Xosé Deira para encabezar o proxecto do nacionalismo en Boiro. Ademais a asemblea valorou moi positivamente o traballo desempregado tanto polo alcalde como pola actual equipa de goberno e agarda incrementar os apoios da cidadanía para conseguir ser o partido máis votado do concello, posto que nos anteriores comicios se quedou a tan só 12 votos dese obxectivo. O BNG parte coas mellores expectativas de goberno, neste caso.
Xosé Deira é a persoa que aglutina maiores consensos dentro da cidadanía ao tempo que representa á perfección o proxecto transformador do BNG. O noso candidato é a mellor opción porque reúne carisma, capacidade de diálogo e xestión, e non está supedidato a ningún interese económico nin persoal. Iso, xunto coa equipa que estamos deseñando, será a garantía de liderado do BNG e faranos medrar en apoio e implantación entre a cidadanía.

Os froitos de oito anos de goberno nacionalista están á vista porque desde que está o BNG se goberna doutro xeito: transparencia absoluta no funcionamento da administración, contacto continuo coa cidanía, control exhaustivo do gasto (uns hipotecaron o concello e outros agora pagamos) e inversións pensando nas persoas e nas clases mais desfavorecidas: galescola, centro de día, praza de usos múltiples, iniciativas locais de emprego, etc. Por iso o mandato do BNG pódese resumir en transparencia, participación e cidadanía.

Igualmente o BNG de Boiro quer manisfestar que o actual contexto político é moi favorábel para que a frente nacionalista entre no goberno dos catro concellos da nosa comarca e anima a todo o mundo a apoiar esta oportunidade histórica.

3 dic 2010

1º acto da lei de augas en Cespón. Paremos a suba de impostos do PP

O BNG é a única alternativa real ante a crise. O que está facendo o PSOE é o mesmo que faría o PP



CONSIDERACIÓNS DO BNG SOBRE AS POLÍTICAS DO ESTADO FRENTE Á CRISE ECONÓMICA


O BNG COMO ALTERNATIVA ANTE AS POLÍTICAS DE DEREITA E O NOVO ATAQUE DO GOBERNO DO PSOE AO ESTADO DO BENESTAR

     
AS ÚLTIMAS MEDIDAS DO GOBERNO DO PSOE (privatización dos aeroportos, eliminación da axuda de 426 euros aos desempregados, redución do imposto de sociedades) SON POLÍTICAS CLARAMENTE DE DEREITA.

RAJOY DEBERÍA ESTAR APLAUDINDO COAS ORELLAS. SE NON O FAI É PARA FINXIR QUE CONTINÚA NA OPOSICIÓN.  
EN REALIDADE, O QUE HAI É UN GOBERNO DE COALICIÓN NA SOMBRA. O MÁIS HONESTO É QUE EMERXESE Á SUPERFICIE.   
   
O MÁIS HONESTO É QUE OS PARTIDOS QUE ACEPTAN A PRIMACÍA DOS MERCADOS SOBRE A POLÍTICA GOBERNASEN XUNTOS E NOS DEIXASEN A OPOSICIÓN A AQUELAS FORZAS POLÍTICAS QUE ESTAMOS POR QUE A POLÍTICA GOBERNE OS MERCADOS.    
 
AS MEDIDAS SON ANTISOCIAIS E ANTIECONÓMICAS.  
PRIVATIZACIÓNS SEN PRECEDENTES: O ÚNICO QUE FALTA POR PRIVATIZAR É XA O PROPIO GOBERNO.  
ANTISOCIAIS: O RETALLAMENTO DAS AXUDAS AOS PARADOS.  
ANTIECONÓMICAS: RECÓRTASE O IMPOSTO DE SOCIEDADES, CO CAL SE INCREMENTARÁ O DÉFICIT, SEN NENGUNHA GARANTÍA DE CRIACIÓN DE POSTOS DE TRABALLO. POR CERTO, HAI QUE LEMBRAR QUE A SISTEMÁTICA REDUCIÓN DO IMPOSTO DE SOCIEDADES É UN DOS FACTORES QUE PROVOCOU A CRISE IRLANDESA. 
    
O GOBERNO CONTINÚA PASÁNDOLLE A FACTURA DA CRISE AOS  TRABALLADORES.  E SEGUE SEN ACOMETER AS REFORMAS QUE SI SON URXENTES E QUE SI SON A CHAVE PARA SAÍR DA CRISE CON XUSTIZA SOCIAL:    
-A REFORMA FISCAL, NUN SENTIDO PROGRESIVO.     
-A REFORMA DO SISTEMA FINANCEIRO, PARA DESDE O CONTROL PÚBLICO GARANTIR QUE A LIQUIDEZ QUE EXISTE NO SISTEMA FINANCEIRO NON VAIA PRIORITARIAMENTE A XOGAR NO CASINO DA DÉBEDA PÚBLICA E SI A FINANCIAR A ECONOMÍA PRODUTIVA.  
   
SE A BANCA PRIVADA OPTA POR DESTINAR OS SEUS FONDOS A COMPRAR DÉBEDA E NON A FINANCIAR AS EMPRESAS E AOS PARTICULARES, NON QUEDA OUTRA QUE CRIAR UNHA BANCA PÚBLICA. ESA É A LIÑA QUE HAI QUE COLLER. O GOBERNO COLLE XUSTO A CONTRARIA: PRIVATIZA E BANCARIZA AS CAIXAS DE AFORRO.     

2 dic 2010

O PP de Boiro non se entera e chega tarde coas reparacións do Centro de Saúde do Saltiño

 O PP de Boiro non se entera e demandoulle ao goberno municipal que lle pida á Xunta unha axuda para reparar o ambulatorio do Saltiño despois dos desperfectos ocasionados polo tornado, cando xa hai tempo que se lle solicitou á Consellaría de Sanidade.

Chama a atención tanto a descoordinación do grupo municipal do PP de Boiro cos seus "colegas" da Xunta como o pésimo funcionamento que está detectando ultimamente na Xunta, que non é capaz nin sequera de dirixir as reclamacións ao departamento competente.

O BNG aproveita para lle dicir á Xunta que se deixe de excusas e de marear á xente e que se poñan a traballar dunha vez para reparar os desperfectos. E ademais queremos recordarlle á señora conselleira de Sanidade, Pilar Farjas, que deixe de escorrer o bulto e se faga cargo dunha vez dos servizos de mantemento e persoal do Centro de Saúde, que están sendo pagados polo concello cando os debera pagar a súa consellaría.

P.S. A continuación reproducimos a nota de prensa sacada polo Concello de Boiro a raíz deste tema.

 "O Concello ten asinado desde abril de 2009 o convenio co Sergas para que asuma os gastos de mantemento do centro de saúde

O Concello de Boiro esixe á Consellería de Sanidade que asuma as súas obrigas conforme ao Pacto Local

Boiro,  1 de decembro de 2010.  O Concello de Boiro ten asinado, desde o 1 de abril de 2009, un convenio co Servizo Galego de Saúde (Sergas), organismo dependente da Consellería de Sanidade, para  a cesión do Centro de Saúde do Saltiño, conforme o acordado no Pacto Local, e se faga cargo así dos gastos de mantenemento do mesmo.
A Consellería de Sanidade leva un retraso considerable no cumprimento deste pacto, polo que o Concello de Boiro leva dous anos asumindo dita cuantía económica, relativa ao custe do persoal (limpeza, conserxería, etc.), lavandería, calefacción, alumeado e outros gastos, cando estes corresponden á Xunta de Galicia.
O goberno de Boiro leva enviado varios escritos á Conselleira de Sanidade, Dona Pilar Farjas Abadía, para coñecer cales son as previsións da Consellería de asunción destas competencias, sen que ata a data, e pese á insistencia, trasladara información algunha ao respecto, co conseguinte perxuízo para as arcas municipais.
Hai uns días, como consecuencia do tornado rexistrado no Saltiño, o Centro de Saúde sufríu unha serie de danos. A este respecto, o mércores día 24 de novembro, mediante escrito oficial, o Concello de Boiro traladou información sobre estes desperfectos a D. Javier Ventosa Rial Director Xerente da Xerencia de Atención Primaria de Santiago, no que se solicita á Consellería que actúe canto antes para arranxalos, xa que se trata de danos estructurais que sobrepasan ás competencias de mantemento que, ata o de agora, ten asumidas o Concello de Boiro (achégase copia da carta enviada).
Por todo o exposto, este goberno agradece a preocupación que o voceiro do Partido Popular de Boiro, D. Juan José Ortigueira, ten polo arranxo do Centro de Saúde, mais o Concello xa ten solicitado a reparación do ambulatorio e non só iso, senón que a través de numerosos escritos se lle requeriu ao Sergas que cumpra co convenio e se libere así ao Concello de facerse cargo duns gastos que non son da súa competencia. En todo caso, tamén o empraza a que teña a mesma insistencia ante a Xunta para que asuma a súa responsabilidade e se faga cargo do Centro de Saúde."

16 nov 2010

Feijoo non ía subir os impostos, pero aí ven a lei de augas!

O Partido Popular prepara, coa nova Lei de Augas, unha brutal subida de impostos a todos os veciños e veciñas.

O Partido Popular está a preparar unha brutal, desproporciona e inxusta subida de impostos coa modificación da Lei de augas que pretende facer. O Consello da Xunta aprobou o pasado 27 de maio o proxecto da nova Lei de Augas, que neste momento está a debatirse no Parlamento galego.

Este proxecto de lei ten como único obxectivo aumentar a capacidade recadatoria da Xunta de Galiza, incrementando de forma exponencial a presión fiscal sobre o uso e consumo de auga,facendo recaer esta suba, fundamentalmente, nos consumos domésticos e asimilábeis (comercio, hostelería, pequenas empresas,…). A nova lei propón substituir actual canon de saneamento (en vigor dende o ano 1993) por dous novos impostos indirectos: o canon da auga e o coeficiente de vertido.

Ao contrario do que di a propaganda do PP e o Conselleiro de Medio Ambiemte Territorio e Infraestruturas, non se trata dun imposto progresivo que incentive o consumo responsábel: todos os usuarios domésticos, cun consumo dentro da media de Galiza, van estar dentro dos tramos máis altos do novo imposto. Isto vai supoñer unha suba do canon para para estes usos domésticos de ata un 360%, e vai afectar especialmente á poboación residente no rural.

Todos os usuarios de auga van ter que pagar estes novos impostos, xa que se suprimen as exencións que actualmente están vixentes, que beneficiaban ao medio rural: No novo canon da auga non se exclúe de pagar o imposto a ningún núcleo rural, nin os de menos de 2000 habitantes exentos do canon de saneamento na actualidade, nen tan sequera os de 500 habitantes que excluía a lei de 1993. Tampouco se exclúen do pago do imposto os núcleos rurais que non teñan rede de saneamento, mentres este non entre en funcionamento, que tamén se excluían do canon de saneamento.

O canon da auga gravará por igual o consumo ou utilización da auga procedente de captacións propias (traídas veciñais ou pozos) e a procedente de sistemas públicos de abastecemento. Só no caso de que os usuarios non dispoñan nin de abastacemento público nin de rede de saneamento pública poderán aplicar unha redución da cota do 80% (pero na actualidade non tiñan que pagar nada), sendo importante facer notar que se teñen que dar as dúas condicóns simultaneamente para poder ter a redución.

Os titulares das captacións propias estarán obrigados a instalar contadores homologados, de non facelo no prazo de seis meses o canon da auga liquidaraselle polo método de estimación obxectiva (en función da concesión de auga que se teña ou do consumo medio dunha vivenda) e poderán ser sancionados con multas de ata 30.000€. Os titulares das concesións colectivas son responsabeis solidarios do pago do canon por parte dos usuarios.

En defensa da sanidade pública!!!

13 nov 2010

Demandas do BNG á Xunta de Galiza

O BNG de Boiro propuxo as seguintes emendas aos orzamentos da Xunta de Galiza, cal pensades que será a resposta do PP, aprobará algunha? Serán capaces de deixar a Boiro sen ningún destes investimentos necesarios?

foto de Manuel Santodomingo PAVÓN
1.  Construción dunha residencia de maiores.
2.  Construción do complexo deportivo de Vista Alegre.
3.  Parque infantil cuberto.
4.  Ampliación de orzamentos das obras do porto de Cabo de Cruz e construción do porto deportivo.
5.  Abastecemento de auga a Cabo de Cruz e Abanqueiro. 
6.  Segunda depuradora para Boiro.
7.  3ª fase da rede de sumidoiros da conca do río Coroño (de Comoxo a Cures).
8.  Solventar os problemas do Centro de Saúde: dotación de mais medios e persoal. Transferencia á Xunta do persoal contratado polo concello para o mantemento diario, así como asunción pola Xunta do mantemento integral do centro.
9.  Rede wifi para o todo o concello.
10.  Carril bici de Boiro a Cabo de Cruz
11. Facer pasillos cubertos para acceder aos seguintes centros: Santa Baia, Praia Xardín, e Galescola, de xeito que se resgarde ás crianzas da chuvia cando accedan aos centros.
12. Proxecto de policromía urbana no Cabo da Cruz: subvención do pintado das fachadas das vivendas de acordo co proxecto elaborado polo BNG.
13. Elaboración dunha bolsa na que se facilite o accesso a unha vivenda e facilidades de crédito para as/os boirenses crédito, de xeito que se poida acceder ao stock de vivendas sen vender e deshabitadas de Boiro.


A Xunta suprime o noitebús para o 2011

O anuncio da Xunta de suprimir o noitebús só pode ser cualificado como negativo e neglixente, pois preténdese eliminar un servizo destinado a mellorar a mobilidade nocturna da xente nova, da seguranza viaria e a redución da sinistralidade nas estradas.

O noitebús é empregado por unhas 400.000 persoas, o que evidencia que é un servizo necesario e útil para a mocidade. Mesmo a Dirección Xeral de Tráfico afirmou "que este servizo ten amosado a súa eficacia ademais de contribuir a eliminar vítimas das estradas e a concienciar sobre a condución segura.

Os fondos destinados a previr accidentes e dar servizos á mocidade non poden ser considerados como un dispendio da Xunta, e máxime cando existen outros gastos como publicidade e propaganda nos que o goberno do PP non fai ninguha redución.

Galiza Nova está recollendo sinaturas en todas as localidades. Asina e defende os teus dereitos!

4 nov 2010

Parabéns compañeiro.

O noso Henrique estivo de aniversario esta semana...si, e xa deben de ser máis dos corentaetantos que diría o Sabina.

Dá gusto darlle os parabéns a unha persoa que gozou e que segue agozar tanto da vida. Henrique é apaixonado, transmite ledicia e vitalidade. Se non o coñeces case se pode dicir que non es de Boiro, pero se o coñeces tes que admitir que é autentico: “galego” no sentido pleno da palabra, “coherente” nos seus ideais, e “firme” frente ás inxustizas sociais. Sempre activo e, agora que ten máis tempo, cu inquedo: fotografía, idiomas, pintura, gaita, bombo e zanfoña (todo um home orquestra!). Non para este Henrique!

@s compañeir@s do Bloque de Boiro queremos recoñecerche, con esta pequena homenaxe virtual, o noso cariño e simpatía, e lembrarche que aínda che queda moito por facer, non si Henrique?... 




Bng-Boiro


*************************************************************************************************************

28 oct 2010

DISCURSO DO ALCALDE DE BOIRO NO ACTO DE SINATURA DA ESCRITURA PÚBLICA DE COMPRAVENDA DO PAZO DE GOIÁNS

BOIRO, 27 DE OUTUBRO DE 2010

 Neste momento diría un clásico: “QUIA PLENA”, que non quere dicir “porque xa estaba chea, porque xa estaba farta” e ó mellor alguén podía pensar que viña ó caso, pero esta expresión non é un feminino singular senón un neutro plural e significa “porque xa todo está  cumprido, porque o que se tiña que facer se fixo, porque hai pleno, é dicir, porque cumpríronse tódolos tramites para poder chegar a esta sinatura, Así é o sentido, e non é que esteamos fartos, senón “pletóricos” co noso deber cumprido; sen embargo sabemos que nos queda aínda un gran camiño por andar , e sabemos tamén que  non é fácil.
         Nas mandas testamentarias hai dúas clases de fincas e de casas, por un lado  “fincas” a secas e “fincas raíces”; “casas” e “casas matrices”, unhas “téñense” ou posúense e outras “son da familia”, unhas posúas unha familia e outras están ligadas a  unha familia, a un Nome, a un linaxe ou a un pobo; o Pazo de Goiáns, posuíra quen o posuíra, é de Boiro e representa unha parte importante da historia do noso pobo, é polo tanto unha “finca raíz” e unha “casa matriz” .
         Esta parte da ría de Arousa, non é un lugar calquera, ou un anaco de terra mais da ría, senón que é unha terra ligada a un pobo, que a traballou, que a cultivou, que fixo dela a súa Patria pequena, a súa pequena Vila , e “a Vila dun non é unha Vila calquera”, senón que forma parte da nosa forma de ser e de pensar “o boi é de onde pace, pero o home é de onde nace. Vaiamos a onde vaiamos, sempre seremos boirenses e, de verdade, aquelas viaxes e camiños que nos alonxan do que somos, non levan a ningunha parte, só os camiños que nos axudan a encontrarnos a nós mesmos como persoas e como pobo, valen a pena e teñen posibilidade de  futuro.
         O pobo de Boiro, que humanizou estas terras, que formou parte da súa paisaxe e fraguou o seu  destino, “golpe a golpe , paso a paso”, como di a canción, agora quere facerse cargo tamén  de aqueles símbolos que ao longo da súa historia  forxaron a nosa forma de ser. Utilizo as palabras fragua e forxa, precisamente porque non foi unha historia fácil senón dura, e o resultado foi un pobo con vontade de ferro que non ten medo o porvir nin os problemas ,e o resultado aí está: un dos pobos mais puxantes  da Ría de Arousa.
         A nosa historia non e peor nin mellor que outra historia, pero é a nosa, na que nos configuramos como somos, e a adquisición deste Pazo non nos fai nin máis importantes nin máis mesquiño, senón simplemente “BOIRENSES” que queremos ser mellores como pobo e como persoas. Que sete Pazo sexa un punto de encontro entre tódolos boirenses e que entre todos sexamos capaces de crear e recrear  un futuro mellor.

         Antes de rematar é de obrigado cumprimento  pedir perdón por tódolos erros cometidos, e dar a grazas a Eroski e ós seus representantes pola paciencia demostrada, porque souberon comprendernos e prestaron a axuda suficiente para chegar a este momento; só  pedirlle un favor: que parte deste capital o invistan en Boiro, é un pobo que non defrauda.
         A partir de hoxe este Pazo e de tódolos boirense, coidémolo como se fose de cada un nós, porque o é. Cando o visitedes, se escoitades algún canto especial, de paxaro ou do vento, pensade que, ó mellor, é de Xavier Cortés, que hoxe estaría moi contento de estar neste acto.


Xosé Deira Triñanes
Alcalde



*****************************************************************************************************************************************************************************************************



23 oct 2010

O Concello de Boiro achega o mundo do Mexillón a cociñeiros e prensa nacional.

 (NOTA DE PRENSA)

 Dentro do plan de desestacionalización turística do Mexillón de Boiro, que está a levar a cabo o Concello de Boiro, inclúese a iniciativa que se vai desenvolver os vindeiros días 24 e 25 de Outubro.O proxecto contará coa participación activa dun grupo de cociñeiros de referencia no panorama nacional como Pedro e Marcos Morán (Casa Gerardo, Prendes, Asturias), Juanjo Pérez (Cocinandos, León), Pepe Solla (Solla, Poio, Pontevedra) ou Xosé T. Cannas (Pepe Vieira Camiño da Serpe, Poio, Pontevedra), todos eles recoñecidos cunha estrela na Guía Michelin, Antonio Botana (Pandemonium, Cambados. Presidente do Grupo Nove), Nacho Vázquez (La Ereta, Alicante) ou Javier Olleros (Culler de Pau, O Grove), ademais dun grupo de xornalistas e blogger de publicacións tamén nacionais: El Mundo, Cocina Futuro, Excelente, Diario Expansión, Vanity Fair, Onda Cero, El Correo de Andalucía, 7Canibales.com, Guia Repsol, Diario Información (Alicante), Radio Galega, Punto Radio, Gourmets, Elcocinerofiel.com, thegluttonclub.com, ...entre outros


 Todos eles poderán coñecer in situ todo o relacionado coa produción de mexillón de Boiro, Desde a vertente histórica, cunha visita ó complexo arqueolóxico dos Castros do Neixón ou  coa explicación da construción artesanal  de bateas ou barcos bateeiros da man dun antigo carpinteiro de ribeira, ata a propia produción e comercialización da materia prima na actualidade. Durante día e medio, tamén coñecerán Boiro e outras zonas de Arousa Norte como enclave turístico de importancia en Galicia e terán ocasión de probar os mexillóns tanto nas tapas ofrecidas por locais do concello como en elaboracións tanto tradicionais como máis actuais, a cargo dos cociñeiros da Casa do Prado (Abanqueiro, Boiro) e do compostelán Abastos 2.0, que prepararán menús específicos para a ocasión.

   Esta iniciativa pecharase na última semana de outubro con dúas novas convocatorias. Por unha banda, o  ultimo dos Obradoiros Gastronómicos programados neste conxunto de accións e nos que teñen participado os cociñeiros dos restaurantes Acio (Santiago de Compostela, 13 de setembro) e Pepe Vieira Camiño da Serpe (Poio, Pontevedra, 4 de outubro). Este último obradoiro será impartido o luns 25 de outubro ás 19:30 h no Centro Social de Abanqueiro por  Anna Mayer, italiana afincada en Sevilla á fronte do proxecto “Pannepanna”, especializado en docencia culinaria, que nos ofrecerá unha perspectiva sobre a cociña tradicional italiana con mexillón. Finalmente, entre o 28 e o 30 de outubro terán lugar o Concurso de Tapas con Mexillón de Boiro, nas que están convidados a participar tódolos bares, restaurantes e cafeterías do concello.

   O Plan de desestacionalización Turística do Mexillón de Boiro, é unha iniciativa da Concellería de Turismo do  Concello de Boiro, financiada con Fondos da Unión Europea a través dos Grupos de Acción Costeira. Conta ademais coa colaboración de entidades e empresas locais como a Asociación da Exaltación do Mexillón de Galicia de Cabo de Cruz, Casa do Prado ou Casa da Posta de Valmaior,  ademais de Viña Costeira, Chicolino Restauración, María Fechoría ou Empatía Comunicación...

Achegamos programa da visita, na que estarán acompañados polo Alcalde de Boiro, Xosé Deira Triñanes, e a Concelleira de Turismo, Francisca Suárez Lijó.
  

Día: 24 e 25 de Outubro
Lugar: Concello de Boiro

Se algún medio esta interesado en entrevistas cos cociñeiros ou blogguer, ou algún medio gráfico quere tomar imaxes das visitas dirixirse a:

Jorge Guitián Castromil - jorge@ideasgastronomicas.com
Máis información sobre o proxecto: http://mejillondeboiro.wordpress.com

+ info: Se precisades máis información, podedes contactar con Amalia L.Louro na Oficina de Turismo do Concello de Boiro. 981842654/625451197



 PROGRAMA do PRESS TRIP

DOMINGO 24

Chegada dos invitados e xantar pola súa conta (a cargo de organización) ao longo da mañá

16:00- Saída en autobús
16:40- Curota
17:45- Centro Arqueolóxico e castro do Neixón
19:00- Saída de Neixón
19:30- Tapa en A Batea de Juan
20:15- Saída cara os  aloxamentos
21:30- Cea en A Casa do Prado
Final da xornada

LUNS 25

- 08:30- Saída do aloxamento
- 09:00- Chegada ao porto (Cabo de Cruz) e saída en barco
- 09:45- Chegada a batea
- 11:00- Regreso a porto
- 11:45- Visita carpinteiro de ribeira en Mañóns
- 12:45- Visita estaleiros Triñanes
- 14:30- Comida en Casa do Prado
- 16:30- Final de programa oficial e regreso de visitantes

Posteriormente aqueles que se queden, poderán optar por asistir ao obradoiro de Anna Mayer (19:30h) ou ir ao  centro a probar un par de tapas máis.

21 oct 2010

Pablo Villamar presentou aos patróns maiores da zona os servizos da Fundación Axencia Enerxética Provincial da Coruña

(nota de prensa)                                                                    

O Vicepresidente da Deputación da Coruña asesorou ás Confrarías da bisbarra sobre medidas de aforro enerxético que impulsa o organismo provincial
Boiro, 19 de outubro de 2010. O Vicepresidente da Deputación Provincial da Coruña, Pablo Villamar Díaz, desprazouse esta tarde a Boiro, ao Centro Social, onde mantivo unha xuntanza de traballo con patróns maiores da bisbarra, a fin de presentar ás Confrarías os servizos que ofrece a “Axencia Enerxética Provincial da Coruña”, entidade impulsada polo organismo provincial co obxectivo de “implicar a tódolos axentes públicos e privados na promoción das enerxías renovables e na aplicación das accións de aforro e eficiencia enerxética”.
Acompañado polo Alcalde de Boiro, Xosé Deira Triñanes, o Vicepresidente explicou que a Deputación decidiu levar a cabo charlas dirixidas a este sector en distintas zonas da provincia por ter detectado que “unha das facturas máis importantes das Confrarías é a do consumo eléctrico”. Aínda que son moi distintas en dimensión e servizos, trátase de organizacións que xestionan instalacións como depuradoras, fábricas de xeo, etc., nos que existe a posibilidade de optimizar e reducir o consumo enerxético. Por outra banda, engadiu Pablo Villamar, “se está a producir a liberalización do mercado da electricidade”, situación que as Confrarías, que na súa maioría teñen contratada unha potencia superior aos 10 Quilovatios, poden aproveitar para rebaixar a súa factura eléctrica.
Igualmente, aludiu a que a mellora das infraestruturas das Confrarías tamén axudarían ao aforro enerxético, e neste senso, “tamén ofrecemos asesoramento na busca de subvencións para amortizar ese gasto que suporían as melloras en instalacións”. Por iso, o Vicepresidente puxo a Axencia Enerxética Provincial á disposición dos patróns maiores que, de xeito individual, desexen facer un estudio sobre a situación da súa Confraría.
Na charla tamén se ofreceu información sobre o escenario actual, co proceso de liberalización do mercado, no que aparece a figura do comercializador de enerxía, e de posibilidades que ofrece a nova normativa, como a de contratar unha tarifa plana.
O Alcalde de Boiro, Xosé Deira Triñanes, agradeceu á Deputación o seu esforzo por difundir este servizo e axudar ás confrarías na racionalización dos recursos enerxéticos.




***********************************************************************

20 oct 2010

O BNG rexeita as presións de especuladores urbanísticos que pretenden tratos de favor.

"O consello local do BNG aclara que o galpón de Xoán León foi construído fai máis de 16 anos  e é legal".


O consello local do BNG respostou deste xeito ás denuncias de José Ces, coñecido como o Bichano, que pretende atribuír ilegalidades a membros do goberno de Boiro. O galpón de 27 m2, propiedade de Xoán León, foi construído hai máis de 16 anos e é completamente legal.

As ansias de José Ces, Bichano, por ver concedidas licenzas urbanísticas para proxectos que merecen análises legais e informes dos tecnicos municipais, non se van ver resoltos por un trato de favor que veña a discriminar ao resto dos veciños e veciñas de Boiro. Por moitas denuncias sobre falsas infraccións que presente, o BNG non vai a ceder as súas chantaxes e vai actuar do mesmo xeito que actuaría con calquera outro veciño ou veciña.

Desde o consello local do BNG queremos afirmar, ademais, que o cumprimento da legalidade é a nosa bandeira e non imos dobrar diante das pretensións ou malas artes veñan de onde veñan. E, ademais disto, desde que estamos no goberno a xestión do BNG caracterizouse sempre pola transparencia e pola igualdade no trato; calquera persoa ten acceso á información urbanística e é tratada por igual, sen privilexios nin favoritismos.

Boiro, 15 de outubro de 2010 
O consello local do BNG de Boiro 

Bng-Boiro

7 oct 2010

A normativa de uso, das novas pistas de deportes, entra en vigor o día 18.

    Co fin de regular o uso das novas instalacións deportivas construídas na avenida da Constitución, o Concello de Boiro acaba de aprobar unha normativa que entrará en vigor a partir do día 18.

  1.  Prohibirase o acceso ao recinto con envases de cristal, tampouco se poderá  introducir comida  (especialmente pipas e froitos secos).
  2. Será preciso reservar as instalacións no servizo de Deportes (Casa da Cultura).
  3. O tempo para o seu uso é dunha hora.
  4. E a iluminación apagarase ás 22.00 no inverno e ás 23.00 horas no verán.   
     Espérase que con estas medidas se consiga unha mellor distribución do uso das instalacións así coma unha mellor conservación do seu estado.


**********************************************************************************

30 sept 2010

Folga Xeral. Noia


..."MAIS VALE PERDER UN DÍA DE TRABALLO


 QUE PERDER OS DEREITOS DE TODA UNHA VIDA LABORAL".




********************************************************************************

13 sept 2010

Vivan as nosas campionas: orgullo do noso país

Parabéns ás nosas rapazas, representan o mellor dunha xeración de auténticas campionas: a III bandeira da Concha é da SDR Rias Baixas, é de Galiza.

Crónica 

A traiñeira Galiza segue facendo historia. A embarcación feminina logrou onte (domingo, 13-09-10) a súa terceira bandeira da Concha consecutiva e fíxoo despois dunha exhibición que lle permitiu liderar a proba con máis de 17 segundos de vantaxe sobre a segunda clasificada, Getaria-Tolosa. Unha diferenza temporal que traducida a distancia dá uns 75 metros sobre un percorrido de algo mais de 1800, algo sorprendente nesta competición.
Pero onte foi o día das deportistas galegas, que desde a saída realizaron unha proba moi completa, cunha cadencia perfecta desde o inicio, unha ciaboga maxistral e uns últimos metros a un ritmo insuperábel para as súas rivais. Galiza ofreceu, ademais, en Donosti, unha imaxe de regularidade, xa que fixo un tempo similar na final ao que tivera un día antes na contrarreloxio. Non aconteceu isto con Getaria-Tolosa, a grande favorita antes da xornada de onte, cando fixo 3 segundos menos que as galegas.
Con este resultado, a traiñeira pecha unha excelecente tempada na que se proclamou campiona galega, de España e da Concha, nesta ocasión por terceiro ano consecutivo, desde a súa apertura na categoría feminina. (...)
Fonte: extraído e traducido de www.todoremo.com

31 jul 2010

Goiáns é por fin de tod@s


O BNG de Boiro parabenízase xunto con todo o pobo de Boiro da adquisición para o patrimonio municipal do Pazo de Goiáns. Ven sendo desde hai moito tempo un obxectivo do nacionalismo a consecución deste ben para o goce de todas/os as/os boirenses. Agora que podemos mirar cara atrás con certa perspectiva podemos dicir que se trata dunha das medidas máis importantes que tomou este goberno.

Todas/os sabemos a sorte que podía correr o pazo se non fose adquirido polo concello. Agora que é público temos a garantía de que non se xogará cos nosos símbolos, símbolos que, por outra parte, resultaban practicamente descoñecidos e inaccesíbeis para a maioría das/os boirenses.

Iniciamos, pois, un novo rumo agora que o pazo é de todas/os, recuperar humanamente o espazo de Goians, restauralo e facelo vivo despois de tantos anos de abandono. Vai levar tempo, pero o pior xa está feito.

Desde o BNG queremos agradecer profundamente os esforzos realizados polo noso alcalde, Xosé Deira, que sempre confiou na vitoria final, agradecementos tamén á corporación local e, sobre todo, a Francisco Jorquera, incansábel deputado, batallador e actor principal do logro. Só nos queda unha reflexión: se o BNG con só dous deputados nas cortes do estado é capaz de sacar adiante as súas propostas canto non avanzaría o país cunha representación nacionalista maior? Aí queda a pergunta.

Parabéns Boiro.

20 jul 2010

Adquisición do Pazo de Goiáns

O venres, 23 de xullo, ás 12.00 h., na casa do Concello de Boiro, asinarase o convenio para a adquisición do Pazo de Goiáns, no acto estarán presentes Xosé Deira, alcalde de Boiro e a Subsecretaria do Ministerio de Cultura, Mercedes Elvira del Palacio Tascón.     




TODO O MUNDO PODE ASISTIR

13 jul 2010

DIA DA PATRIA GALEGA

Esperámoste en Compostela, no Campus Sul. Eis a programación:

24/07/2010 comeza o Festigal, às 23.00 h.
-Os Cuchufellos
-Galegoz
-Banda Potemkin
-Santa Makairo Orkestar

25/07/2010 DIA DA PATRIA

12.00 h. MANIFESTACIÓN
22.00 h. Concertos:
-Bellon Maceiras Quinteto
-O'Questrada
-Susana Seivane  


Haberá bus desde o Barbanza. Anótate ao xantar!
O festigal son charlas, debates, diversión, animación, teatro,.....Consulta o programa en:
www.festigal.com

29 jun 2010

Acto cívico e reivindicativo en lembranza do traslado dos restos mortais de Rosalía de Castro


A Asociación Cultural Altofalante, Barbantia e Antrospinos van participar no acto cívico en lembranza do traslado dos restos mortais de Rosalía de Castro que organiza a Asociación de Escritores en Lingua Galega.
É a nosa intención organizar un autobús que vaia do Barbanza a Padrón. Logo iríase en tren ate Santiago, onde se desenvolverían recitados de poemas da galega universal en distintos puntos da cidade.
O acto finalizaría en Santo Domingos de Bonaval, e dende aí volveríamos en autobús ao Barbanza.
Aproveitarase o acto para reclamar a apertura do Panteón de Galegos Ilustres, pechado dende fai unhos meses e sen xustificación seria algunha, pola  "Santa Madre Igrexa"...


*********************************************************************************

24 may 2010

Seguimento do programa electoral do BNG nesta lexislatura

  A asemblea do BNG de Boiro vén de facer unha análise do cumprimento do seu programa electoral. O BNG quer manifestar a súa grande satisfacción pola consecución dos seguintes obxectivos a falta de un ano para o exame que suporán as vindeiras eleccións municipais do 2011. Os logros que se puideron conquerir nesta lexislatura aínda non rematada son os seguintes:

1. O concello de Boiro é o que máis inviste en políticas para as persoas de toda a comarca. A inversión en benestar e políticas sociais é incluso superior a concellos como o de Ribeira, con case o doble de poboación. Nesta lexislatura conseguiuse abrir o Centro de Día para maiores ao tempo que se realizan multitude de talleres específicos: educación para adultos, informática, ximnasia, taller de memoria, etc. Boiro gasta máis de 500.000 € só en asistencia a domicilio.

Ademais disto están a piques de se iniciar as obras para a constución dun Centro para discapacitados físicos e psíquicos en Comoxo, en colaboración con Amicos.

Un proxecto prioritario como é a construción dunha residencia para maiores está paralisado pola Xunta do Sr. Feijoo despois de que o concello puxera a disposición da Xunta os terreos.

2. Está en construción a praza multiusos da Cachada, que permitirá dotar o centro de Boiro de instalacións deportivas, un espazo para deslocalizar as festas e o mercado dos martes para esa nova zona do noso concello, ao tempo que posibilita novos aparcadoiros para desconxestionar o centro de Boiro.

3. O BNG negociou e conseguiu para Boiro unha partida de máis de 4.000.000 de euros para a compra do pazo de Goiáns, que en breve será de titularidade pública.

4. O concello favorece a creación de emprego coa construción do viveiro de empresas no polígono industrial, construído por mozos e mozas de Boiro por medio dun plano de emprego específico. Ademais Boiro contará en breve cun centro de formación en Hostelería. Temos que recordar tamén que nesta lexislatura se rematou a II Fase do Polígono Industrial de Espiñeira.

5. Estase cambiando a canalización xeral de sumidoiros que vai á depuradora do Cabo da Cruz para que non discorra por un banco marisqueiro da importancia de Barraña. Fixéronse multitude de sumidoiros polas parroquias de todo o concello. E acábase de conseguir un investimento de mais de 800.000 € para o saneamento do rio Coroño. Boiro conta novamente coa bandeira verde de compromiso medioambiental.

6. Conseguimos pór o Proxecto Leñaverde como referencial máis aló das nosas fronteiras, así como a estación Leñaverde, a única sala de concertos pública de todo o país. O Centro Arqueolóxico de Neixón está sendo ampliado para mellorar a súa actividade. Ademais nesta lexislatura rematarase a construción dos centros sociais de Cabo de Cruz e de Abanqueiro.

7. Estase ampliando o peirao do Cabo da Cruz, que posibilitará a construción dun peirao deportivo. Está prevista tamén a construción do peirao deportivo de Escarabote.

8. Foi a lexislatura en que máis peanolizacións se realizaron, e non só en Boiro senón tamén nas parroquias en Escarabote, Moimenta, Bealo, Abanqueiro, Isuachán, etc.

9. Habilitáronse multitude de novos roteiros (Vitres, Mámoas do Barbanza, etc.) ao tempo que se dotou ao concello cun parque de grandes dimensións: o parque periurbano de S. Ramón de Bealo.


Boiro, 22 de maio de 2010

O Consello Local do BNG de Boiro

1 may 2010

O PP e o transporte adaptado no Barbanza


O BNG de Boiro quer facer as seguintes manifestacións diante da nota de prensa do PP relativa ao transporte adaptado:

1. Parece que o PP de Boiro non entende que as competencias do servizo de transporte adaptado que se dá na comarca son exclusivas da Xunta de Galiza e que o servizo que actualmente se está a ofrecer por medio do 065 ás persoas dependentes é completamente insuficiente para cubrir as súas necesidades.

2. Que até o momento foi o concello de Boiro, cos seus propios fondos, o que estivo sufragando a parte do transporte adaptado que a Xunta de Galiza non quer cubrir, pese a que ese é o seu deber. O que demanda o BNG é que a Xunta asuma as súas competencias e lle permita ás persoas dependentes levar unha vida normal. Polo tanto, se a Xunta do Sr. Feijoo non subvenciona aos concellos para dar un servizo que deberan dar eles, nin tampouco pon os medios precisos para que o 065 cubra as necesidades reais das persoas dependentes, incurrirá nunha grave deixazón das súas funcións, e isto non é responsabilidade dos concellos.

3. Se o PP quer dar leccións de austeridade que comece por suprimir as viaxes a Sudamérica, aínda non suficientemente explicadas, tanto do Sr. Rueda como do Sr. Feijoo.

12 abr 2010

"""Crise económica e exposición das nosas alternativas""""




O Bng de Boiro, convídavos o vindeiro xoves 15 de abril ás 8:30 da tarde no centro social de Boiro, ó evento onde o BNG da Barbanza, celebrará o acto central da campaña que se está desenvolvendo ao redor da crise económica e a exposición das nosas alternativas. Contaremos nesta xuntanza, coa presenza de Guillerme Vázquez, Portavoz Nacional do BNG,