O señor Feijóo ía resolver os problemas cardinais do país en 45 días. O señor Feijóo ía apresentar un plan de choque contra a crise xa no verán de 2009. O señor Feijóo tiña respostas para todo: para o paro, para o esganamento dos sectores produtivos, para o mellor funcionamento dos servizos públicos (sanidade, educación, benestar, igualdade) ...
Un ano despois, 009 é xa 010 e o balanzo non pode ser máis pobre. Un ano Feijóo, un ano perdido. Vexamos:
Desde que Feijóo é presidente, Galiza conta con 21.000 desempregadas e desempregados máis. Desde agosto até hoxe, o paro incrementouse máis en Galiza que na media do Estado. O desemprego alcanza no noso país cifras históricas. En algunha comarca como Ferrol xa hai até 17.000 parados e paradas. A consecuencia é que a demografía galega continúa estancada e a emigración continúa a ser a fonte principal de emprego para mozas e mozos, agora xa capital humano moi cualificado. Que fixo Feijóo a este respecto? Dúas cousas: reducir nos orzamentos as partidas para as políticas activas de emprego e paralizar o concurso eólico (decisión esta que se saldou coa destrución de cando menos 1.000 postos de traballo directos). Do mítico plan de choque, por suposto nunca máis se soubo.
Os sectores produtivos esmorecen. En 2009 fecharon 1.000 explotacións leiteiras. Só fican en Galiza 12.000 granxas que producen leite. Os prezos que reciben os produtores están por debaixo do custo de produción. A pesca segue sen poder operar nos caladoiros comunitarios, como se os galegos non fósemos europeos. Astano continúa sen poder fabricar barcos, polo veto de Bruxelas que Madrid tampouco fai nada por levantar.
Sobre estes asuntos, o Goberno galego nen utilizou as súas competencias nen compareceu ante Madrid e Bruxelas para demandar sinxelamente o que en xustiza nos corresponde: o dereito a vivir do noso traballo.
Os servizos públicos degrádanse a ollos vistos e –polo impulso político de Feijóo– deslízanse cara á súa privatización, coa secuela inevitábel de que as prestacións que receben as cidadáns e os cidadáns son cada vez piores.
O Goberno Feijóo aceptou un mal financiamento por parte do Estado na última reforma da LOFCA sen facer nengún esforzo especial por mellorar a oferta que o Executivo Zapatero puxo inicialmente sobre a mesa.
A que se dedicou entón ese presidente que na súa condición de candidato prometía o mellor dos mundos posíbeis para o noso país? Pois basicamente a atacar a lingua galega. Aí deuno todo. Prisioneiro da caverna madrileña, eliminou a proba de galego no exame de acceso á función pública e aprobou un decreto que por vez primeira na historia reduce a presenza do galego nas aulas. Foi tanta a súa saña que despertou a maior e máis contundente reacción social en moitos anos en defensa da nosa lingua.
Feijóo non ten nengún proxecto positivo para Galiza. Feijóo acepta politicamente o descenso do noso país á Segunda División (do cal é responsábel el mesmo por vetar na pasada lexislatura o novo Estatuto). Feijóo non ten receitas novas contra a crise económica. As súas son as vellas propostas da dereita de toda a vida, as mesmas que provocaron a recesión.
Mais non perdamos a esperanza: estes 12 meses tiveron algo de positivo. Serviron para que miles de galegas e galegos visen até que punto o Partido Popular non é o camiño para conquistarmos un país máis xusto, próspero e libre.