16 may 2011

CARTA DO BNG DE BOIRO A D. JESÚS ALONSO FERNÁNDEZ

Sr. Alonso, unha vez máis pretende utilizar as súas empresas como instrumento político, un caso único no Estado, a excepción de Ruíz Mateos no caso RUMASA.
Pretende insuflar medo nos traballadores, traballadoras, veciñas e veciños
en xeral, con ameazas. Xa en tempos inmemoriais anunciaba en campaña
o traslado das factorías a Porto do Son, cando gobernaba o seu compañeiro
do PP. Sr. Groveiro González. Xa choveu! . A última, o vergoñento discurso
de Nadal onde ameazou con marchar de Boiro se Xosé Deira Triñanes volvía
a ser Alcalde. E todo o mundo se enterou grazas á campaña de publicidade
que puxo en marcha en distintos xornais. O que ocorre é que calibrou
mal as consecuencias dos seus actos, e se nalgún momento a imaxe de
Jealsa – Rianxeira resultou prexudicada, o único responsábel é vostede,
Sr. Alonso. Boiro si que foi prexudicado coas súas “extravagancias”; saímos
nunha televisión estatal porque lles pareceu incríbel que, a estas alturas, un
empresario pedise aos traballadores e traballadoras o voto para o PP. ou, en
caso contrario.... "me marcho de Boiro". Pola contra, Boiro foi recoñecido a
nivel estatal polo premio “Cidade da Ciencia e a Innovación” outorgado polo
Ministerio, grazas ás políticas municipais de emprego promovidas polo goberno
e a creación do viveiro de empresas, que facilitará a o emprego no noso
municipio. Somos o municipio galego con menos paro , grazas ó emprego
que ofertan todas as empresas do noso Concello, por certo Sr. Alonso, desde o
ano 2003 Boiro conta con máis de 650 licenzas novas en IAE. ( datos oficiais da
Cámara de Comercio).
Sr. Alonso, vostede e o goberno do PP en Boiro, no ano 2003, deixaron unha
débeda do 122%. O goberno de Xosé Deira e do BNG a rebaixou ao 80%. Os
números están aí, e todos os compromisos cos provedores municipais están
atendidos.
O BNG está orgulloso de que o pazo e a finca de Goiáns sexan de todos e
todas as boirenses. Logramos da Deputación da Coruña unha subvención de
preto de 250.000 euros para a recuperación paisaxística da finca, e tamén
logramos que o Estado aporte 500.000 euros para a restauración do pazo. Se
vostede seguise sendo alcalde no 2003, hoxe sería unha urbanización privada
para millonarios. Afortunadamente, perdeu as eleccións (así é a democracia
e a sabiduría dun pobo) e, no fracaso, fuxiu, sendo o primeiro en abandonar o
barco.
Agora, coa manipulación que o caracteriza, pretende influír con amenazas nos
veciños e veciñas de Boiro, e continuar movendo os fíos dos títeres, porque
é o papel que lle ten asignado ao actual candidato do PP, Juan José Dieste
Ortigueira. Vostede segue a ser o xefe do PP de Boiro e o que non siga os
seus dictados que colla a porta. Javier Chouza xa o fixo.
Finalmente, Sr. Alonso, o goberno de Boiro respecta a Jealsa – Rianxeira e a
todas as empresas. A súa empresa é moi importante para o municipio, e nós
respectámola, e aos seus traballadores e traballadoras, e máis nos tempos que
corren. É a nosa obriga apoiar e favorecer a todos os empresarios de Boiro, e a
vostede tamén, porque o BNG está pola creación de emprego e a reactivación
da economía local. Pero iso si, dentro da lei, porque vostede non pode saltarse
a lei nin pedir un trato de favor distinto a outros empresarios e empresarias.
Vostede non pode estar por riba do ben e do mal. Diso se trata, Sr. Alonso, de
democracia, de que vostede non pode gobernar simplemente por ser millonario
e ter moitos empregados, de que Boiro non é seu, Sr. Alonso. Boiro é de todos
e todas.




Consello Local do BNG de Boiro