4 mar 2011

Visita de Guillerme Vázquez a Boiro.

GUILLERME PON A BOIRO COMO EXEMPLO DE QUE “O BNG DENDE OS CONCELLOS SI TOMA MEDIDAS PARA COMBATER O PARO".



O portavoz nacional do BNG anima á sociedade galega a manifestarse o día 13 para “esixir un cambio porque as políticas do Goberno Central e do goberno da Xunta estannos levando a unha situación cada día peor”

Barbanza, 3 Marzo 2011. O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, puxo esta mañá ao concello de Boiro, gobernado polo BNG “como exemplo de que o BNG dende os concellos si toma medida para combater o paro e a crise, fronte a un goberno da Xunta que non fai nada”.
Guillerme realizou esta mañá un reparto informativo no centro da vila boirense para animar á sociedade galega á manifestarse o día 13 en Santiago en defensa do emprego, dos sectores produtivos, do país e do aforro galego baixo o lema “Galiza ten dereito”.
Posteriormente, realizou unha visita ao “Centro de Formación-Escola de Hostalaría-Viveiro de Empresas”, unha iniciativa posta en marcha polo BNG dende o Goberno de Boiro e que foi merecente do premio “Ciudad de las Ciencias y la Innovación”, un galardón que foi entregado polos Príncipes de Asturias o pasado 13 de xaneiro en Madrid.
Guillerme estivo acompañado en todo momento polo alcalde de Boiro, o nacionalista Xosé Deira; o Grupo Municipal do BNG de Boiro e a responsábel comarcal do BNG, Dores Torrado, entre outros.
Un exemplo de que, fronte á incompetencia da Xunta, o BNG si toma medidas contra o paro
En declaracións aos medios, o portavoz nacional do BNG recoñeceu que “hoxe estou en Boiro para dalgún xeito amosar o orgullo do BNG coa actividade dun goberno municipal que ten proxecto, que ten estratexia, que sabe o que hai que facer á fronte dun concello e que, como unha das vías de actuación práctica, toma iniciativas na dirección de fomentar a creación de emprego”.
Neste sentido, Guillerme salientou que “a diferencia de actuación entre un concello gobernado polo BNG, encabezado por Xosé Deira, que fai verdade o que dicimos de que tamén dende os concellos, aínda que sexa modestamente, podemos contribuír na liña de fomentar o emprego, e a actitude dun goberno galego que fronte ao problema do paro simplemente di que carece de competencias e que nada ten que facer”.
Camiño de 250.000 parados e paradas en Galiza e Feijoo di que non pode facer nada
A este respeito, advertiu da “grave situación na que nos atopamos: estamos xa na fronteira dos 250.000 parados e paradas en Galiza; os sectores produtivos galegos están sendo agredidos un detrás de outro sen que haxa ningunha defensa política por parte do Goberno do Núñez Feijóo, e  estamos nunha situación onde o aforro galego pode camiñar sen reacción algunha por parte da Xunta de Galiza cara a súa privatización”.

Ademais, subliñou que “teríamos que preguntarnos como será posíbel crear emprego neste país se todos e cada un dos sectores produtivos van camiño da súa desaparición e se non hai medios financeiros que apoien o noso tecido produtivo”.
Manifestación o día 13 para dicir que Galiza si ten dereito, ao aforro, ao emprego e a ser País.
Ante esta situación, Guillerme asegurou que “fronte á inactividade e a inacción do Goberno do PP na Xunta o BNG e outras organizacións non estamos dispostos a aceptar estas políticas que están poñendo en marcha o Goberno da Xunta e o Central e que nos están levando a onde nos están levando”.
Por iso, subliñou que “é o momento de petar na mesa, de reaccionar e dicir que a pesar do que pense o Goberno Central e o Goberno de Feijoo Galiza si ten dereito e por iso o domingo 13 convocamos unha manifestación á que convidamos a toda a sociedade galega para dicir alto e claro que temos dereito e vivir e traballar na nosa terra, para demandar un cambio radical nas políticas que se están a facer e que nos están levando a unha situación cada día peor”.