21 oct 2010

Pablo Villamar presentou aos patróns maiores da zona os servizos da Fundación Axencia Enerxética Provincial da Coruña

(nota de prensa)                                                                    

O Vicepresidente da Deputación da Coruña asesorou ás Confrarías da bisbarra sobre medidas de aforro enerxético que impulsa o organismo provincial
Boiro, 19 de outubro de 2010. O Vicepresidente da Deputación Provincial da Coruña, Pablo Villamar Díaz, desprazouse esta tarde a Boiro, ao Centro Social, onde mantivo unha xuntanza de traballo con patróns maiores da bisbarra, a fin de presentar ás Confrarías os servizos que ofrece a “Axencia Enerxética Provincial da Coruña”, entidade impulsada polo organismo provincial co obxectivo de “implicar a tódolos axentes públicos e privados na promoción das enerxías renovables e na aplicación das accións de aforro e eficiencia enerxética”.
Acompañado polo Alcalde de Boiro, Xosé Deira Triñanes, o Vicepresidente explicou que a Deputación decidiu levar a cabo charlas dirixidas a este sector en distintas zonas da provincia por ter detectado que “unha das facturas máis importantes das Confrarías é a do consumo eléctrico”. Aínda que son moi distintas en dimensión e servizos, trátase de organizacións que xestionan instalacións como depuradoras, fábricas de xeo, etc., nos que existe a posibilidade de optimizar e reducir o consumo enerxético. Por outra banda, engadiu Pablo Villamar, “se está a producir a liberalización do mercado da electricidade”, situación que as Confrarías, que na súa maioría teñen contratada unha potencia superior aos 10 Quilovatios, poden aproveitar para rebaixar a súa factura eléctrica.
Igualmente, aludiu a que a mellora das infraestruturas das Confrarías tamén axudarían ao aforro enerxético, e neste senso, “tamén ofrecemos asesoramento na busca de subvencións para amortizar ese gasto que suporían as melloras en instalacións”. Por iso, o Vicepresidente puxo a Axencia Enerxética Provincial á disposición dos patróns maiores que, de xeito individual, desexen facer un estudio sobre a situación da súa Confraría.
Na charla tamén se ofreceu información sobre o escenario actual, co proceso de liberalización do mercado, no que aparece a figura do comercializador de enerxía, e de posibilidades que ofrece a nova normativa, como a de contratar unha tarifa plana.
O Alcalde de Boiro, Xosé Deira Triñanes, agradeceu á Deputación o seu esforzo por difundir este servizo e axudar ás confrarías na racionalización dos recursos enerxéticos.




***********************************************************************

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Grazas polo teu comentario.