28 oct 2010

DISCURSO DO ALCALDE DE BOIRO NO ACTO DE SINATURA DA ESCRITURA PÚBLICA DE COMPRAVENDA DO PAZO DE GOIÁNS

BOIRO, 27 DE OUTUBRO DE 2010

 Neste momento diría un clásico: “QUIA PLENA”, que non quere dicir “porque xa estaba chea, porque xa estaba farta” e ó mellor alguén podía pensar que viña ó caso, pero esta expresión non é un feminino singular senón un neutro plural e significa “porque xa todo está  cumprido, porque o que se tiña que facer se fixo, porque hai pleno, é dicir, porque cumpríronse tódolos tramites para poder chegar a esta sinatura, Así é o sentido, e non é que esteamos fartos, senón “pletóricos” co noso deber cumprido; sen embargo sabemos que nos queda aínda un gran camiño por andar , e sabemos tamén que  non é fácil.
         Nas mandas testamentarias hai dúas clases de fincas e de casas, por un lado  “fincas” a secas e “fincas raíces”; “casas” e “casas matrices”, unhas “téñense” ou posúense e outras “son da familia”, unhas posúas unha familia e outras están ligadas a  unha familia, a un Nome, a un linaxe ou a un pobo; o Pazo de Goiáns, posuíra quen o posuíra, é de Boiro e representa unha parte importante da historia do noso pobo, é polo tanto unha “finca raíz” e unha “casa matriz” .
         Esta parte da ría de Arousa, non é un lugar calquera, ou un anaco de terra mais da ría, senón que é unha terra ligada a un pobo, que a traballou, que a cultivou, que fixo dela a súa Patria pequena, a súa pequena Vila , e “a Vila dun non é unha Vila calquera”, senón que forma parte da nosa forma de ser e de pensar “o boi é de onde pace, pero o home é de onde nace. Vaiamos a onde vaiamos, sempre seremos boirenses e, de verdade, aquelas viaxes e camiños que nos alonxan do que somos, non levan a ningunha parte, só os camiños que nos axudan a encontrarnos a nós mesmos como persoas e como pobo, valen a pena e teñen posibilidade de  futuro.
         O pobo de Boiro, que humanizou estas terras, que formou parte da súa paisaxe e fraguou o seu  destino, “golpe a golpe , paso a paso”, como di a canción, agora quere facerse cargo tamén  de aqueles símbolos que ao longo da súa historia  forxaron a nosa forma de ser. Utilizo as palabras fragua e forxa, precisamente porque non foi unha historia fácil senón dura, e o resultado foi un pobo con vontade de ferro que non ten medo o porvir nin os problemas ,e o resultado aí está: un dos pobos mais puxantes  da Ría de Arousa.
         A nosa historia non e peor nin mellor que outra historia, pero é a nosa, na que nos configuramos como somos, e a adquisición deste Pazo non nos fai nin máis importantes nin máis mesquiño, senón simplemente “BOIRENSES” que queremos ser mellores como pobo e como persoas. Que sete Pazo sexa un punto de encontro entre tódolos boirenses e que entre todos sexamos capaces de crear e recrear  un futuro mellor.

         Antes de rematar é de obrigado cumprimento  pedir perdón por tódolos erros cometidos, e dar a grazas a Eroski e ós seus representantes pola paciencia demostrada, porque souberon comprendernos e prestaron a axuda suficiente para chegar a este momento; só  pedirlle un favor: que parte deste capital o invistan en Boiro, é un pobo que non defrauda.
         A partir de hoxe este Pazo e de tódolos boirense, coidémolo como se fose de cada un nós, porque o é. Cando o visitedes, se escoitades algún canto especial, de paxaro ou do vento, pensade que, ó mellor, é de Xavier Cortés, que hoxe estaría moi contento de estar neste acto.


Xosé Deira Triñanes
Alcalde



*****************************************************************************************************************************************************************************************************



23 oct 2010

O Concello de Boiro achega o mundo do Mexillón a cociñeiros e prensa nacional.

 (NOTA DE PRENSA)

 Dentro do plan de desestacionalización turística do Mexillón de Boiro, que está a levar a cabo o Concello de Boiro, inclúese a iniciativa que se vai desenvolver os vindeiros días 24 e 25 de Outubro.O proxecto contará coa participación activa dun grupo de cociñeiros de referencia no panorama nacional como Pedro e Marcos Morán (Casa Gerardo, Prendes, Asturias), Juanjo Pérez (Cocinandos, León), Pepe Solla (Solla, Poio, Pontevedra) ou Xosé T. Cannas (Pepe Vieira Camiño da Serpe, Poio, Pontevedra), todos eles recoñecidos cunha estrela na Guía Michelin, Antonio Botana (Pandemonium, Cambados. Presidente do Grupo Nove), Nacho Vázquez (La Ereta, Alicante) ou Javier Olleros (Culler de Pau, O Grove), ademais dun grupo de xornalistas e blogger de publicacións tamén nacionais: El Mundo, Cocina Futuro, Excelente, Diario Expansión, Vanity Fair, Onda Cero, El Correo de Andalucía, 7Canibales.com, Guia Repsol, Diario Información (Alicante), Radio Galega, Punto Radio, Gourmets, Elcocinerofiel.com, thegluttonclub.com, ...entre outros


 Todos eles poderán coñecer in situ todo o relacionado coa produción de mexillón de Boiro, Desde a vertente histórica, cunha visita ó complexo arqueolóxico dos Castros do Neixón ou  coa explicación da construción artesanal  de bateas ou barcos bateeiros da man dun antigo carpinteiro de ribeira, ata a propia produción e comercialización da materia prima na actualidade. Durante día e medio, tamén coñecerán Boiro e outras zonas de Arousa Norte como enclave turístico de importancia en Galicia e terán ocasión de probar os mexillóns tanto nas tapas ofrecidas por locais do concello como en elaboracións tanto tradicionais como máis actuais, a cargo dos cociñeiros da Casa do Prado (Abanqueiro, Boiro) e do compostelán Abastos 2.0, que prepararán menús específicos para a ocasión.

   Esta iniciativa pecharase na última semana de outubro con dúas novas convocatorias. Por unha banda, o  ultimo dos Obradoiros Gastronómicos programados neste conxunto de accións e nos que teñen participado os cociñeiros dos restaurantes Acio (Santiago de Compostela, 13 de setembro) e Pepe Vieira Camiño da Serpe (Poio, Pontevedra, 4 de outubro). Este último obradoiro será impartido o luns 25 de outubro ás 19:30 h no Centro Social de Abanqueiro por  Anna Mayer, italiana afincada en Sevilla á fronte do proxecto “Pannepanna”, especializado en docencia culinaria, que nos ofrecerá unha perspectiva sobre a cociña tradicional italiana con mexillón. Finalmente, entre o 28 e o 30 de outubro terán lugar o Concurso de Tapas con Mexillón de Boiro, nas que están convidados a participar tódolos bares, restaurantes e cafeterías do concello.

   O Plan de desestacionalización Turística do Mexillón de Boiro, é unha iniciativa da Concellería de Turismo do  Concello de Boiro, financiada con Fondos da Unión Europea a través dos Grupos de Acción Costeira. Conta ademais coa colaboración de entidades e empresas locais como a Asociación da Exaltación do Mexillón de Galicia de Cabo de Cruz, Casa do Prado ou Casa da Posta de Valmaior,  ademais de Viña Costeira, Chicolino Restauración, María Fechoría ou Empatía Comunicación...

Achegamos programa da visita, na que estarán acompañados polo Alcalde de Boiro, Xosé Deira Triñanes, e a Concelleira de Turismo, Francisca Suárez Lijó.
  

Día: 24 e 25 de Outubro
Lugar: Concello de Boiro

Se algún medio esta interesado en entrevistas cos cociñeiros ou blogguer, ou algún medio gráfico quere tomar imaxes das visitas dirixirse a:

Jorge Guitián Castromil - jorge@ideasgastronomicas.com
Máis información sobre o proxecto: http://mejillondeboiro.wordpress.com

+ info: Se precisades máis información, podedes contactar con Amalia L.Louro na Oficina de Turismo do Concello de Boiro. 981842654/625451197



 PROGRAMA do PRESS TRIP

DOMINGO 24

Chegada dos invitados e xantar pola súa conta (a cargo de organización) ao longo da mañá

16:00- Saída en autobús
16:40- Curota
17:45- Centro Arqueolóxico e castro do Neixón
19:00- Saída de Neixón
19:30- Tapa en A Batea de Juan
20:15- Saída cara os  aloxamentos
21:30- Cea en A Casa do Prado
Final da xornada

LUNS 25

- 08:30- Saída do aloxamento
- 09:00- Chegada ao porto (Cabo de Cruz) e saída en barco
- 09:45- Chegada a batea
- 11:00- Regreso a porto
- 11:45- Visita carpinteiro de ribeira en Mañóns
- 12:45- Visita estaleiros Triñanes
- 14:30- Comida en Casa do Prado
- 16:30- Final de programa oficial e regreso de visitantes

Posteriormente aqueles que se queden, poderán optar por asistir ao obradoiro de Anna Mayer (19:30h) ou ir ao  centro a probar un par de tapas máis.

21 oct 2010

Pablo Villamar presentou aos patróns maiores da zona os servizos da Fundación Axencia Enerxética Provincial da Coruña

(nota de prensa)                                                                    

O Vicepresidente da Deputación da Coruña asesorou ás Confrarías da bisbarra sobre medidas de aforro enerxético que impulsa o organismo provincial
Boiro, 19 de outubro de 2010. O Vicepresidente da Deputación Provincial da Coruña, Pablo Villamar Díaz, desprazouse esta tarde a Boiro, ao Centro Social, onde mantivo unha xuntanza de traballo con patróns maiores da bisbarra, a fin de presentar ás Confrarías os servizos que ofrece a “Axencia Enerxética Provincial da Coruña”, entidade impulsada polo organismo provincial co obxectivo de “implicar a tódolos axentes públicos e privados na promoción das enerxías renovables e na aplicación das accións de aforro e eficiencia enerxética”.
Acompañado polo Alcalde de Boiro, Xosé Deira Triñanes, o Vicepresidente explicou que a Deputación decidiu levar a cabo charlas dirixidas a este sector en distintas zonas da provincia por ter detectado que “unha das facturas máis importantes das Confrarías é a do consumo eléctrico”. Aínda que son moi distintas en dimensión e servizos, trátase de organizacións que xestionan instalacións como depuradoras, fábricas de xeo, etc., nos que existe a posibilidade de optimizar e reducir o consumo enerxético. Por outra banda, engadiu Pablo Villamar, “se está a producir a liberalización do mercado da electricidade”, situación que as Confrarías, que na súa maioría teñen contratada unha potencia superior aos 10 Quilovatios, poden aproveitar para rebaixar a súa factura eléctrica.
Igualmente, aludiu a que a mellora das infraestruturas das Confrarías tamén axudarían ao aforro enerxético, e neste senso, “tamén ofrecemos asesoramento na busca de subvencións para amortizar ese gasto que suporían as melloras en instalacións”. Por iso, o Vicepresidente puxo a Axencia Enerxética Provincial á disposición dos patróns maiores que, de xeito individual, desexen facer un estudio sobre a situación da súa Confraría.
Na charla tamén se ofreceu información sobre o escenario actual, co proceso de liberalización do mercado, no que aparece a figura do comercializador de enerxía, e de posibilidades que ofrece a nova normativa, como a de contratar unha tarifa plana.
O Alcalde de Boiro, Xosé Deira Triñanes, agradeceu á Deputación o seu esforzo por difundir este servizo e axudar ás confrarías na racionalización dos recursos enerxéticos.




***********************************************************************

20 oct 2010

O BNG rexeita as presións de especuladores urbanísticos que pretenden tratos de favor.

"O consello local do BNG aclara que o galpón de Xoán León foi construído fai máis de 16 anos  e é legal".


O consello local do BNG respostou deste xeito ás denuncias de José Ces, coñecido como o Bichano, que pretende atribuír ilegalidades a membros do goberno de Boiro. O galpón de 27 m2, propiedade de Xoán León, foi construído hai máis de 16 anos e é completamente legal.

As ansias de José Ces, Bichano, por ver concedidas licenzas urbanísticas para proxectos que merecen análises legais e informes dos tecnicos municipais, non se van ver resoltos por un trato de favor que veña a discriminar ao resto dos veciños e veciñas de Boiro. Por moitas denuncias sobre falsas infraccións que presente, o BNG non vai a ceder as súas chantaxes e vai actuar do mesmo xeito que actuaría con calquera outro veciño ou veciña.

Desde o consello local do BNG queremos afirmar, ademais, que o cumprimento da legalidade é a nosa bandeira e non imos dobrar diante das pretensións ou malas artes veñan de onde veñan. E, ademais disto, desde que estamos no goberno a xestión do BNG caracterizouse sempre pola transparencia e pola igualdade no trato; calquera persoa ten acceso á información urbanística e é tratada por igual, sen privilexios nin favoritismos.

Boiro, 15 de outubro de 2010 
O consello local do BNG de Boiro 

Bng-Boiro

7 oct 2010

A normativa de uso, das novas pistas de deportes, entra en vigor o día 18.

    Co fin de regular o uso das novas instalacións deportivas construídas na avenida da Constitución, o Concello de Boiro acaba de aprobar unha normativa que entrará en vigor a partir do día 18.

  1.  Prohibirase o acceso ao recinto con envases de cristal, tampouco se poderá  introducir comida  (especialmente pipas e froitos secos).
  2. Será preciso reservar as instalacións no servizo de Deportes (Casa da Cultura).
  3. O tempo para o seu uso é dunha hora.
  4. E a iluminación apagarase ás 22.00 no inverno e ás 23.00 horas no verán.   
     Espérase que con estas medidas se consiga unha mellor distribución do uso das instalacións así coma unha mellor conservación do seu estado.


**********************************************************************************