28 oct 2010

DISCURSO DO ALCALDE DE BOIRO NO ACTO DE SINATURA DA ESCRITURA PÚBLICA DE COMPRAVENDA DO PAZO DE GOIÁNS

BOIRO, 27 DE OUTUBRO DE 2010

 Neste momento diría un clásico: “QUIA PLENA”, que non quere dicir “porque xa estaba chea, porque xa estaba farta” e ó mellor alguén podía pensar que viña ó caso, pero esta expresión non é un feminino singular senón un neutro plural e significa “porque xa todo está  cumprido, porque o que se tiña que facer se fixo, porque hai pleno, é dicir, porque cumpríronse tódolos tramites para poder chegar a esta sinatura, Así é o sentido, e non é que esteamos fartos, senón “pletóricos” co noso deber cumprido; sen embargo sabemos que nos queda aínda un gran camiño por andar , e sabemos tamén que  non é fácil.
         Nas mandas testamentarias hai dúas clases de fincas e de casas, por un lado  “fincas” a secas e “fincas raíces”; “casas” e “casas matrices”, unhas “téñense” ou posúense e outras “son da familia”, unhas posúas unha familia e outras están ligadas a  unha familia, a un Nome, a un linaxe ou a un pobo; o Pazo de Goiáns, posuíra quen o posuíra, é de Boiro e representa unha parte importante da historia do noso pobo, é polo tanto unha “finca raíz” e unha “casa matriz” .
         Esta parte da ría de Arousa, non é un lugar calquera, ou un anaco de terra mais da ría, senón que é unha terra ligada a un pobo, que a traballou, que a cultivou, que fixo dela a súa Patria pequena, a súa pequena Vila , e “a Vila dun non é unha Vila calquera”, senón que forma parte da nosa forma de ser e de pensar “o boi é de onde pace, pero o home é de onde nace. Vaiamos a onde vaiamos, sempre seremos boirenses e, de verdade, aquelas viaxes e camiños que nos alonxan do que somos, non levan a ningunha parte, só os camiños que nos axudan a encontrarnos a nós mesmos como persoas e como pobo, valen a pena e teñen posibilidade de  futuro.
         O pobo de Boiro, que humanizou estas terras, que formou parte da súa paisaxe e fraguou o seu  destino, “golpe a golpe , paso a paso”, como di a canción, agora quere facerse cargo tamén  de aqueles símbolos que ao longo da súa historia  forxaron a nosa forma de ser. Utilizo as palabras fragua e forxa, precisamente porque non foi unha historia fácil senón dura, e o resultado foi un pobo con vontade de ferro que non ten medo o porvir nin os problemas ,e o resultado aí está: un dos pobos mais puxantes  da Ría de Arousa.
         A nosa historia non e peor nin mellor que outra historia, pero é a nosa, na que nos configuramos como somos, e a adquisición deste Pazo non nos fai nin máis importantes nin máis mesquiño, senón simplemente “BOIRENSES” que queremos ser mellores como pobo e como persoas. Que sete Pazo sexa un punto de encontro entre tódolos boirenses e que entre todos sexamos capaces de crear e recrear  un futuro mellor.

         Antes de rematar é de obrigado cumprimento  pedir perdón por tódolos erros cometidos, e dar a grazas a Eroski e ós seus representantes pola paciencia demostrada, porque souberon comprendernos e prestaron a axuda suficiente para chegar a este momento; só  pedirlle un favor: que parte deste capital o invistan en Boiro, é un pobo que non defrauda.
         A partir de hoxe este Pazo e de tódolos boirense, coidémolo como se fose de cada un nós, porque o é. Cando o visitedes, se escoitades algún canto especial, de paxaro ou do vento, pensade que, ó mellor, é de Xavier Cortés, que hoxe estaría moi contento de estar neste acto.


Xosé Deira Triñanes
Alcalde



*****************************************************************************************************************************************************************************************************



1 comentario:

  1. moi bo discurso alcalde, parabéns. Da gusto, de verdade, ter un representante que transmita tanta honradez e sinceridade.

    ResponderEliminar

Grazas polo teu comentario.