30 sept 2010

Folga Xeral. Noia


..."MAIS VALE PERDER UN DÍA DE TRABALLO


 QUE PERDER OS DEREITOS DE TODA UNHA VIDA LABORAL".




********************************************************************************

13 sept 2010

Vivan as nosas campionas: orgullo do noso país

Parabéns ás nosas rapazas, representan o mellor dunha xeración de auténticas campionas: a III bandeira da Concha é da SDR Rias Baixas, é de Galiza.

Crónica 

A traiñeira Galiza segue facendo historia. A embarcación feminina logrou onte (domingo, 13-09-10) a súa terceira bandeira da Concha consecutiva e fíxoo despois dunha exhibición que lle permitiu liderar a proba con máis de 17 segundos de vantaxe sobre a segunda clasificada, Getaria-Tolosa. Unha diferenza temporal que traducida a distancia dá uns 75 metros sobre un percorrido de algo mais de 1800, algo sorprendente nesta competición.
Pero onte foi o día das deportistas galegas, que desde a saída realizaron unha proba moi completa, cunha cadencia perfecta desde o inicio, unha ciaboga maxistral e uns últimos metros a un ritmo insuperábel para as súas rivais. Galiza ofreceu, ademais, en Donosti, unha imaxe de regularidade, xa que fixo un tempo similar na final ao que tivera un día antes na contrarreloxio. Non aconteceu isto con Getaria-Tolosa, a grande favorita antes da xornada de onte, cando fixo 3 segundos menos que as galegas.
Con este resultado, a traiñeira pecha unha excelecente tempada na que se proclamou campiona galega, de España e da Concha, nesta ocasión por terceiro ano consecutivo, desde a súa apertura na categoría feminina. (...)
Fonte: extraído e traducido de www.todoremo.com

31 jul 2010

Goiáns é por fin de tod@s


O BNG de Boiro parabenízase xunto con todo o pobo de Boiro da adquisición para o patrimonio municipal do Pazo de Goiáns. Ven sendo desde hai moito tempo un obxectivo do nacionalismo a consecución deste ben para o goce de todas/os as/os boirenses. Agora que podemos mirar cara atrás con certa perspectiva podemos dicir que se trata dunha das medidas máis importantes que tomou este goberno.

Todas/os sabemos a sorte que podía correr o pazo se non fose adquirido polo concello. Agora que é público temos a garantía de que non se xogará cos nosos símbolos, símbolos que, por outra parte, resultaban practicamente descoñecidos e inaccesíbeis para a maioría das/os boirenses.

Iniciamos, pois, un novo rumo agora que o pazo é de todas/os, recuperar humanamente o espazo de Goians, restauralo e facelo vivo despois de tantos anos de abandono. Vai levar tempo, pero o pior xa está feito.

Desde o BNG queremos agradecer profundamente os esforzos realizados polo noso alcalde, Xosé Deira, que sempre confiou na vitoria final, agradecementos tamén á corporación local e, sobre todo, a Francisco Jorquera, incansábel deputado, batallador e actor principal do logro. Só nos queda unha reflexión: se o BNG con só dous deputados nas cortes do estado é capaz de sacar adiante as súas propostas canto non avanzaría o país cunha representación nacionalista maior? Aí queda a pergunta.

Parabéns Boiro.

20 jul 2010

Adquisición do Pazo de Goiáns

O venres, 23 de xullo, ás 12.00 h., na casa do Concello de Boiro, asinarase o convenio para a adquisición do Pazo de Goiáns, no acto estarán presentes Xosé Deira, alcalde de Boiro e a Subsecretaria do Ministerio de Cultura, Mercedes Elvira del Palacio Tascón.     




TODO O MUNDO PODE ASISTIR

13 jul 2010

DIA DA PATRIA GALEGA

Esperámoste en Compostela, no Campus Sul. Eis a programación:

24/07/2010 comeza o Festigal, às 23.00 h.
-Os Cuchufellos
-Galegoz
-Banda Potemkin
-Santa Makairo Orkestar

25/07/2010 DIA DA PATRIA

12.00 h. MANIFESTACIÓN
22.00 h. Concertos:
-Bellon Maceiras Quinteto
-O'Questrada
-Susana Seivane  


Haberá bus desde o Barbanza. Anótate ao xantar!
O festigal son charlas, debates, diversión, animación, teatro,.....Consulta o programa en:
www.festigal.com

29 jun 2010

Acto cívico e reivindicativo en lembranza do traslado dos restos mortais de Rosalía de Castro


A Asociación Cultural Altofalante, Barbantia e Antrospinos van participar no acto cívico en lembranza do traslado dos restos mortais de Rosalía de Castro que organiza a Asociación de Escritores en Lingua Galega.
É a nosa intención organizar un autobús que vaia do Barbanza a Padrón. Logo iríase en tren ate Santiago, onde se desenvolverían recitados de poemas da galega universal en distintos puntos da cidade.
O acto finalizaría en Santo Domingos de Bonaval, e dende aí volveríamos en autobús ao Barbanza.
Aproveitarase o acto para reclamar a apertura do Panteón de Galegos Ilustres, pechado dende fai unhos meses e sen xustificación seria algunha, pola  "Santa Madre Igrexa"...


*********************************************************************************

24 may 2010

Seguimento do programa electoral do BNG nesta lexislatura

  A asemblea do BNG de Boiro vén de facer unha análise do cumprimento do seu programa electoral. O BNG quer manifestar a súa grande satisfacción pola consecución dos seguintes obxectivos a falta de un ano para o exame que suporán as vindeiras eleccións municipais do 2011. Os logros que se puideron conquerir nesta lexislatura aínda non rematada son os seguintes:

1. O concello de Boiro é o que máis inviste en políticas para as persoas de toda a comarca. A inversión en benestar e políticas sociais é incluso superior a concellos como o de Ribeira, con case o doble de poboación. Nesta lexislatura conseguiuse abrir o Centro de Día para maiores ao tempo que se realizan multitude de talleres específicos: educación para adultos, informática, ximnasia, taller de memoria, etc. Boiro gasta máis de 500.000 € só en asistencia a domicilio.

Ademais disto están a piques de se iniciar as obras para a constución dun Centro para discapacitados físicos e psíquicos en Comoxo, en colaboración con Amicos.

Un proxecto prioritario como é a construción dunha residencia para maiores está paralisado pola Xunta do Sr. Feijoo despois de que o concello puxera a disposición da Xunta os terreos.

2. Está en construción a praza multiusos da Cachada, que permitirá dotar o centro de Boiro de instalacións deportivas, un espazo para deslocalizar as festas e o mercado dos martes para esa nova zona do noso concello, ao tempo que posibilita novos aparcadoiros para desconxestionar o centro de Boiro.

3. O BNG negociou e conseguiu para Boiro unha partida de máis de 4.000.000 de euros para a compra do pazo de Goiáns, que en breve será de titularidade pública.

4. O concello favorece a creación de emprego coa construción do viveiro de empresas no polígono industrial, construído por mozos e mozas de Boiro por medio dun plano de emprego específico. Ademais Boiro contará en breve cun centro de formación en Hostelería. Temos que recordar tamén que nesta lexislatura se rematou a II Fase do Polígono Industrial de Espiñeira.

5. Estase cambiando a canalización xeral de sumidoiros que vai á depuradora do Cabo da Cruz para que non discorra por un banco marisqueiro da importancia de Barraña. Fixéronse multitude de sumidoiros polas parroquias de todo o concello. E acábase de conseguir un investimento de mais de 800.000 € para o saneamento do rio Coroño. Boiro conta novamente coa bandeira verde de compromiso medioambiental.

6. Conseguimos pór o Proxecto Leñaverde como referencial máis aló das nosas fronteiras, así como a estación Leñaverde, a única sala de concertos pública de todo o país. O Centro Arqueolóxico de Neixón está sendo ampliado para mellorar a súa actividade. Ademais nesta lexislatura rematarase a construción dos centros sociais de Cabo de Cruz e de Abanqueiro.

7. Estase ampliando o peirao do Cabo da Cruz, que posibilitará a construción dun peirao deportivo. Está prevista tamén a construción do peirao deportivo de Escarabote.

8. Foi a lexislatura en que máis peanolizacións se realizaron, e non só en Boiro senón tamén nas parroquias en Escarabote, Moimenta, Bealo, Abanqueiro, Isuachán, etc.

9. Habilitáronse multitude de novos roteiros (Vitres, Mámoas do Barbanza, etc.) ao tempo que se dotou ao concello cun parque de grandes dimensións: o parque periurbano de S. Ramón de Bealo.


Boiro, 22 de maio de 2010

O Consello Local do BNG de Boiro

1 may 2010

O PP e o transporte adaptado no Barbanza


O BNG de Boiro quer facer as seguintes manifestacións diante da nota de prensa do PP relativa ao transporte adaptado:

1. Parece que o PP de Boiro non entende que as competencias do servizo de transporte adaptado que se dá na comarca son exclusivas da Xunta de Galiza e que o servizo que actualmente se está a ofrecer por medio do 065 ás persoas dependentes é completamente insuficiente para cubrir as súas necesidades.

2. Que até o momento foi o concello de Boiro, cos seus propios fondos, o que estivo sufragando a parte do transporte adaptado que a Xunta de Galiza non quer cubrir, pese a que ese é o seu deber. O que demanda o BNG é que a Xunta asuma as súas competencias e lle permita ás persoas dependentes levar unha vida normal. Polo tanto, se a Xunta do Sr. Feijoo non subvenciona aos concellos para dar un servizo que deberan dar eles, nin tampouco pon os medios precisos para que o 065 cubra as necesidades reais das persoas dependentes, incurrirá nunha grave deixazón das súas funcións, e isto non é responsabilidade dos concellos.

3. Se o PP quer dar leccións de austeridade que comece por suprimir as viaxes a Sudamérica, aínda non suficientemente explicadas, tanto do Sr. Rueda como do Sr. Feijoo.

12 abr 2010

"""Crise económica e exposición das nosas alternativas""""




O Bng de Boiro, convídavos o vindeiro xoves 15 de abril ás 8:30 da tarde no centro social de Boiro, ó evento onde o BNG da Barbanza, celebrará o acto central da campaña que se está desenvolvendo ao redor da crise económica e a exposición das nosas alternativas. Contaremos nesta xuntanza, coa presenza de Guillerme Vázquez, Portavoz Nacional do BNG,

5 abr 2010

Mércores 7, encontro sectorial: o sector mexilloeiro ante a crise económica; Proceso de reforma da Política Pesqueira Común

 As/os deputadas/os responsábeis de pesca dos tres parlamentos, Bieito Lobeira (Parlamento galego), Olaia Fernández Davila (Congreso) e Ana Miranda (Parlamento europeu) virán ao Barbanza para explicar o proceso de reforma da Política Pesqueira Común este mércores 7/04/2010 nun encontro co sector en Rianxo.
 
Posteriormente os tres deputados desprazaranse a Boiro para se reunir co comité de empresa de Jealsa e coa súa dirección.

11 mar 2010

Acto público: situación dos servizos sociais na Galiza.

O próximo martes, 16 de marzo ás 20:30 horas no Centro Social de Boiro, terá lugar un acto organizado polo BNG da comarca do Barbanza baixo o título:
    "A situación dos servizos sociais na Galiza"

Participarán Cristina Andrade, responsábel comarcal da muller; Dores Torrado, responsábel comarcal do BNG e concelleira en Boiro e María Méndez, concelleira de Servizo Sociais en Vigo e responsábel da muller na Executiva Nacional do BNG.
Con este acto, enmarcado na conmemoración do Día Internacional das Mulleres, pretendemos informar e debater sobre o proceso que está levando a cabo o actual goberno da Xunta de desmantelamento dos servizos sociais públicos e de paralización das medidas a prol da igualdade, prevención e tratamento integral da violencia de xénero.

                """"""""""""""""""""/"""""""""""""""""""""""""""""/""""""""""""""""""""""""

2 mar 2010

O BNG de Boiro a favor das melloras na seguridade vial



    Sen ánimo de entrar en discusións estériles desde o BNG consideramos que as medidas adoptadas polo goberno de Boiro, consistentes na elevación dos pasos de peóns nas proximidades das poboacións, contribuirán á mellora da seguridade tanto de viandantes como de condutores despois de que se teña constatado en máis dunha ocasión a excesiva velocidade pola que se circula nalgúns tramos do noso viario, coa conseguinte perigosidade para nenos, anciáns e habitantes da nosa vila.

Ninguén dubida que, cos novos pasos elevados, a velocidade de circulación dos vehículos reducirase, os pasos de peóns serán máis visíbeis e seguros e, ao mesmo tempo, facilitarase a accesibilidade das persoas maiores e dos diminuídos no habitual desenvolvemento das súas vidas. Os pasos de peóns serven de medida disuasoria e preventiva, tanto para condutores imprudentes como para posíbeis distraccións ao volante.

Finalmente, trátase dunha medida probada en países europeus, así como en moitos concellos próximos como Vilagarcía, Cambados, Pontevedra, a Illa de Arousa, a Estrada, o Carballiño, etc., nos que se demostrou que esta actuacion é efectiva, ademais de non ser recadatoria. Despois dun accidente non vale de nada por multas, xa fose por imprudencia ou por exceso de velocidade, senón que é mellor previr e evitar así atropelos. Sabemos que é unha medida que afecta a todos incluso ás persoas que circulan civilizadamente, pero se así somos capaces de salvar unha soa vítima vale a pena.

Desde o BNG estamos seguros de que esta obra será ben acollida co tempo tanto no Cabo da Cruz como no resto los lugares nos que se colocaron, e que contan co beneplácito da cidadanía.

1 mar 2010

Un ano Feijoo, un ano perdido. Por Guillerme Vázquez (porta-voz nacional do BNG)

O señor Feijóo ía resolver os problemas cardinais do país en 45 días. O señor Feijóo ía apresentar un plan de choque contra a crise xa no verán de 2009. O señor Feijóo tiña respostas para todo: para o paro, para o esganamento dos sectores produtivos, para o mellor funcionamento dos servizos públicos (sanidade, educación, benestar, igualdade) ...
Un ano despois, 009 é xa 010 e o balanzo non pode ser máis pobre. Un ano Feijóo, un ano perdido. Vexamos:
Desde que Feijóo é presidente, Galiza conta con 21.000 desempregadas e desempregados máis. Desde agosto até hoxe, o paro incrementouse máis en Galiza que na media do Estado. O desemprego alcanza no noso país cifras históricas. En algunha comarca como Ferrol xa hai até 17.000 parados e paradas. A consecuencia é que a demografía galega continúa estancada e a emigración continúa a ser a fonte principal de emprego para mozas e mozos, agora xa capital humano moi cualificado. Que fixo Feijóo a este respecto? Dúas cousas: reducir nos orzamentos as partidas para as políticas activas de emprego e paralizar o concurso eólico (decisión esta que se saldou coa destrución de cando menos 1.000 postos de traballo directos). Do mítico plan de choque, por suposto nunca máis se soubo.
Os sectores produtivos esmorecen. En 2009 fecharon 1.000 explotacións leiteiras. Só fican en Galiza 12.000 granxas que producen leite. Os prezos que reciben os produtores están por debaixo do custo de produción. A pesca segue sen poder operar nos caladoiros comunitarios, como se os galegos non fósemos europeos. Astano continúa sen poder fabricar barcos, polo veto de Bruxelas que Madrid tampouco fai nada por levantar.
Sobre estes asuntos, o Goberno galego nen utilizou as súas competencias nen compareceu ante Madrid e Bruxelas para demandar sinxelamente o que en xustiza nos corresponde: o dereito a vivir do noso traballo.
Os servizos públicos degrádanse a ollos vistos e –polo impulso político de Feijóo– deslízanse cara á súa privatización, coa secuela inevitábel de que as prestacións que receben as cidadáns e os cidadáns son cada vez piores.
O Goberno Feijóo aceptou un mal financiamento por parte do Estado na última reforma da LOFCA sen facer nengún esforzo especial por mellorar a oferta que o Executivo Zapatero puxo inicialmente sobre a mesa.
A que se dedicou entón ese presidente que na súa condición de candidato prometía o mellor dos mundos posíbeis para o noso país? Pois basicamente a atacar a lingua galega. Aí deuno todo. Prisioneiro da caverna madrileña, eliminou a proba de galego no exame de acceso á función pública e aprobou un decreto que por vez primeira na historia reduce a presenza do galego nas aulas. Foi tanta a súa saña que despertou a maior e máis contundente reacción social en moitos anos en defensa da nosa lingua.
Feijóo non ten nengún proxecto positivo para Galiza. Feijóo acepta politicamente o descenso do noso país á Segunda División (do cal é responsábel el mesmo por vetar na pasada lexislatura o novo Estatuto). Feijóo non ten receitas novas contra a crise económica. As súas son as vellas propostas da dereita de toda a vida, as mesmas que provocaron a recesión.
Mais non perdamos a esperanza: estes 12 meses tiveron algo de positivo. Serviron para que miles de galegas e galegos visen até que punto o Partido Popular non é o camiño para conquistarmos un país máis xusto, próspero e libre.

28 feb 2010

Só Ana Pontón asiste ao IV Encontro Arqueolóxico do Barbanza


Este sábado houbo un debate en Neixón, no marco do IV Encontro Arqueolóxico do Barbanza, no que estaban convidados os portavoces das tres forzas políticas do parlamento. Só a nacionalista Ana Pontón asistiu.

A deputada do PSOE non estivo por un problema familiar de última hora, e o deputado do PP non asistiu, sen que se saiba o por que. Ambos os dous foron substituídos por representantes locais dos seus partidos.

No debate falouse case en exclusiva da Cidade da Cultura, e só o BNG puxo na mesa as súas propostas. A intervención de Ana Pontón centrouse en aclarar que desde o inicio non era unha obra do BNG, pero cando o bloque tivo que afrontala no goberno, fíxoo coa determinación de darlle unha saída á grandísima inversión comprometida polo goberno en funcións do PP. A deputada nacionalista propuxo o seguinte para dotala de contidos: un grande museo de historia de Galiza, un arquivo nacional, unha pinacoteca de autores galegos, un centro de referencia para a danza e o audiovisual galego,..., propostas consensuadas cos sectores da cultura.

Do PSOE puidemos destacar que os seus representantes falan en nome propio e non no do partido, polo que poden dicir cousas distintas. E do PP que é mellor estar calados para que non se fale do tema.

500 millóns de euros de orzamento, La Voz de Galicia agora en silencio, e o goberno do PP sen dicir nada,...serán coincidencias?