16 nov 2010

Feijoo non ía subir os impostos, pero aí ven a lei de augas!

O Partido Popular prepara, coa nova Lei de Augas, unha brutal subida de impostos a todos os veciños e veciñas.

O Partido Popular está a preparar unha brutal, desproporciona e inxusta subida de impostos coa modificación da Lei de augas que pretende facer. O Consello da Xunta aprobou o pasado 27 de maio o proxecto da nova Lei de Augas, que neste momento está a debatirse no Parlamento galego.

Este proxecto de lei ten como único obxectivo aumentar a capacidade recadatoria da Xunta de Galiza, incrementando de forma exponencial a presión fiscal sobre o uso e consumo de auga,facendo recaer esta suba, fundamentalmente, nos consumos domésticos e asimilábeis (comercio, hostelería, pequenas empresas,…). A nova lei propón substituir actual canon de saneamento (en vigor dende o ano 1993) por dous novos impostos indirectos: o canon da auga e o coeficiente de vertido.

Ao contrario do que di a propaganda do PP e o Conselleiro de Medio Ambiemte Territorio e Infraestruturas, non se trata dun imposto progresivo que incentive o consumo responsábel: todos os usuarios domésticos, cun consumo dentro da media de Galiza, van estar dentro dos tramos máis altos do novo imposto. Isto vai supoñer unha suba do canon para para estes usos domésticos de ata un 360%, e vai afectar especialmente á poboación residente no rural.

Todos os usuarios de auga van ter que pagar estes novos impostos, xa que se suprimen as exencións que actualmente están vixentes, que beneficiaban ao medio rural: No novo canon da auga non se exclúe de pagar o imposto a ningún núcleo rural, nin os de menos de 2000 habitantes exentos do canon de saneamento na actualidade, nen tan sequera os de 500 habitantes que excluía a lei de 1993. Tampouco se exclúen do pago do imposto os núcleos rurais que non teñan rede de saneamento, mentres este non entre en funcionamento, que tamén se excluían do canon de saneamento.

O canon da auga gravará por igual o consumo ou utilización da auga procedente de captacións propias (traídas veciñais ou pozos) e a procedente de sistemas públicos de abastecemento. Só no caso de que os usuarios non dispoñan nin de abastacemento público nin de rede de saneamento pública poderán aplicar unha redución da cota do 80% (pero na actualidade non tiñan que pagar nada), sendo importante facer notar que se teñen que dar as dúas condicóns simultaneamente para poder ter a redución.

Os titulares das captacións propias estarán obrigados a instalar contadores homologados, de non facelo no prazo de seis meses o canon da auga liquidaraselle polo método de estimación obxectiva (en función da concesión de auga que se teña ou do consumo medio dunha vivenda) e poderán ser sancionados con multas de ata 30.000€. Os titulares das concesións colectivas son responsabeis solidarios do pago do canon por parte dos usuarios.

En defensa da sanidade pública!!!

13 nov 2010

Demandas do BNG á Xunta de Galiza

O BNG de Boiro propuxo as seguintes emendas aos orzamentos da Xunta de Galiza, cal pensades que será a resposta do PP, aprobará algunha? Serán capaces de deixar a Boiro sen ningún destes investimentos necesarios?

foto de Manuel Santodomingo PAVÓN
1.  Construción dunha residencia de maiores.
2.  Construción do complexo deportivo de Vista Alegre.
3.  Parque infantil cuberto.
4.  Ampliación de orzamentos das obras do porto de Cabo de Cruz e construción do porto deportivo.
5.  Abastecemento de auga a Cabo de Cruz e Abanqueiro. 
6.  Segunda depuradora para Boiro.
7.  3ª fase da rede de sumidoiros da conca do río Coroño (de Comoxo a Cures).
8.  Solventar os problemas do Centro de Saúde: dotación de mais medios e persoal. Transferencia á Xunta do persoal contratado polo concello para o mantemento diario, así como asunción pola Xunta do mantemento integral do centro.
9.  Rede wifi para o todo o concello.
10.  Carril bici de Boiro a Cabo de Cruz
11. Facer pasillos cubertos para acceder aos seguintes centros: Santa Baia, Praia Xardín, e Galescola, de xeito que se resgarde ás crianzas da chuvia cando accedan aos centros.
12. Proxecto de policromía urbana no Cabo da Cruz: subvención do pintado das fachadas das vivendas de acordo co proxecto elaborado polo BNG.
13. Elaboración dunha bolsa na que se facilite o accesso a unha vivenda e facilidades de crédito para as/os boirenses crédito, de xeito que se poida acceder ao stock de vivendas sen vender e deshabitadas de Boiro.


A Xunta suprime o noitebús para o 2011

O anuncio da Xunta de suprimir o noitebús só pode ser cualificado como negativo e neglixente, pois preténdese eliminar un servizo destinado a mellorar a mobilidade nocturna da xente nova, da seguranza viaria e a redución da sinistralidade nas estradas.

O noitebús é empregado por unhas 400.000 persoas, o que evidencia que é un servizo necesario e útil para a mocidade. Mesmo a Dirección Xeral de Tráfico afirmou "que este servizo ten amosado a súa eficacia ademais de contribuir a eliminar vítimas das estradas e a concienciar sobre a condución segura.

Os fondos destinados a previr accidentes e dar servizos á mocidade non poden ser considerados como un dispendio da Xunta, e máxime cando existen outros gastos como publicidade e propaganda nos que o goberno do PP non fai ninguha redución.

Galiza Nova está recollendo sinaturas en todas as localidades. Asina e defende os teus dereitos!

4 nov 2010

Parabéns compañeiro.

O noso Henrique estivo de aniversario esta semana...si, e xa deben de ser máis dos corentaetantos que diría o Sabina.

Dá gusto darlle os parabéns a unha persoa que gozou e que segue agozar tanto da vida. Henrique é apaixonado, transmite ledicia e vitalidade. Se non o coñeces case se pode dicir que non es de Boiro, pero se o coñeces tes que admitir que é autentico: “galego” no sentido pleno da palabra, “coherente” nos seus ideais, e “firme” frente ás inxustizas sociais. Sempre activo e, agora que ten máis tempo, cu inquedo: fotografía, idiomas, pintura, gaita, bombo e zanfoña (todo um home orquestra!). Non para este Henrique!

@s compañeir@s do Bloque de Boiro queremos recoñecerche, con esta pequena homenaxe virtual, o noso cariño e simpatía, e lembrarche que aínda che queda moito por facer, non si Henrique?... 




Bng-Boiro


*************************************************************************************************************